Pleno polémico en Cabanas, o PP enrócase na confrontación

O PP denégalle a participación no Pleno aos veciños e protexe ao alcalde ao bloquear a comparecencia solicitada por escrito polos edís non adscritos
Non obstante, a voz dos veciños trasladouse a través dos concelleiros da oposición
(Actualización: o alcalde chamou a policía local para expulsar dous representantes veciñais e a concelleira Teresa García)
Cabanas.- O PP fai uso da súa maioría absoluta para defender o Plan Xeral da especulación que será aprobado despois das eleccións municipais, segundo o alcalde, porque non chegará a tempo un informe da Dirección Xeral de Patrimonio.
Cos votos do PP sae rexeitada a moción veciñal en prol dun PXOM sostible para Cabanas. Resultado da votación 5 votos en contra do PP, 3 votos a favor dos concelleiros non adscritos e mixto, 2 abstencións da Agrupación de Electores:



"SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE CABANAS




MOCIÓN VECIÑAL EN PROL DUN URBANISMO SOSTIBLE PARA CABANAS

Os concelleiros da corporación do concello de Cabanas abaixo asinantes, e o abeiro do disposto na lexislación vixente, presentan para o seu debate ante o Pleno da Corporación do próximo dia 28 de maio de 2014 a seguinte Moción Veciñal a proposta da comisión de afectados polo PXOM integrada na Plataforma de Defensa dos Camiños,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
PRIMEIRA, que o documento exposto non se axusta ás necesidades urbanísticas do municipio de Cabanas, ao propor un desenvolvemento urbanístico que implica un aumento do parque de vivendas no municipio nun 50% sobre as hoxe existentes, cando a perda de poboación municipal, o actual contexto económico e social (crise económica, decaemento da construcción e o mercado da vivenda, etc...) e a propia incapacidade financeira do Concello de Cabanas, aconsellan unha estratexia contraria á adoptada que aposte pola mellora da calidade de vida dos veciños en troques dun maior desenvolvemento inmobiliario.

SEGUNDA, que este desenvolvemento desmesurado se apoia en actuacións como o SUD-1, as AR en solo urbano non consolidado, os Plans Especiais de Ordenación dos Núcleos Rurais ou a ampliación do infrautilizado polígono de Vilar do Colo, que teñen un impacto ambiental negativo e unha moi incerta viabilidade económica, se non é a base de aumentar a presión fiscal sobre os propios veciños, segundo establece o Estudio de Sostibilidade Económica do propio PXOM.

TERCEIRA, que tanto a ordenación prevista para as vías de titularidade autonómica ou estatal, xunto coa ordenación do solo urbano (no que se producen un total de 33 novas aperturas viarias de escasa ou nula utilidade pública) deixa ducias de vivendas en situación de fora de ordenación, e prexudica gravemente a posibilidade de moitos propietarios de realizar melloras nas súas vivendas, só permitindo obras de mantemento e conservación.

CUARTA, que moitas destas eivas xa están recollidas no informe previo á aprobación inicial realizado polos servizos da Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, sen que fosen emendados no documento aprobado inicialmente, o que fai inviable o PXOM.

QUINTA, que o deseño do plan realizouse á marxe da cidadanía, sen un mínimo e desexable proceso de participación pública antes da súa aprobación inicial, no que os propios veciños poidesen ter opinado e discutido qué modelo urbanístico queren para o futuro do seu municipio.

E por todo o exposto, propoñemos ao Pleno da Corporación que tome os seguintes

ACORDOS

PRIMEIRO, que se revise o acordo municipal de aprobación inicial do PXOM de Cabanas, adoptado polo Concello en Pleno o pasado día 29 de xaneiro de 2014, a fin de acordar a súa anulación.

SEGUNDO, que se retome o proceso de elaboración do PXOM cun modelo mais sostible dende un punto de vista económico, ambiental e social, sen as graves afeccións detectadas ás propiedades da meirande parte dos veciños ao tempo que se conxugan axeitadamente os intereses públicos e privados.

TERCEIRA, que se desenvolva, dende as primeiras fases do planeamento un axeitado proceso de participación pública no que os veciños de Cabanas poidan decidir conxuntamente que modelo de desenvolvemento urbanístico queren para o seu municipio nos próximos anos


Cabanas, a 22 de maio de 2014

Asdo:

Mª Teresa García Pita



Angel Pena Fontenla




Delfín Feal Pereira"