Anova demanda o cambio na política de xestión do lixo

Cabanas.- A nova organización asemblearia con presenza na localidade de Cabanas trasladoulles aos edís Teresa García e Ángel Pena unha moción sobre o incremento do canon do lixo que exixe a derrogación da taxa aplicada polo goberno local do PP por orde directa de Santiago, a rectificación nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano e un cambio na xestión dos residuos que xere emprego a nivel local -actualmente as cifras en Cabanas están en máximos históricos e sen que os gobernos do PP a todos os niveis adopten medidas máis alá dos rescates á banca privada.



O texto da moción:
"Neste sentido A Lei 10/1997, de 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos da Galiza, e o Plano de xestión dos residuos sólidos urbanos da Galiza atribúen a condición de xestor nas operacións do proceso de xestión de residuos á Sociedade Galega de Medio Ambiente S.A. (SOGAMA). A Xunta, gobernada polo PP, incrementou nos orzamentos un 34% o canon do lixo, de 55,91 euros por tonelada de lixo tratada aos 74,64 euros por tonelada tratada, sen IVE para Cabanas.
Esta decisión vén imposta polo cambio na tarificación eléctrica do goberno central que tamén lle afecta a Megasa na comarca e que apoiamos nas súas demandas. SOGAMA con este incremento nos impostos da cidadanía pretende consolidar á conta da cidadanía preto de 7 millóns de euros de beneficio. Á vista do novo saqueo ao que se está a someter á cidadanía desde as institucións central e autonómica, e mesmo andar con panos quentes por 100 euros coa banca na administración local, apostamos por modelos que prioricen a reciclaxe e compostaxe e crear emprego directo na zona.
Dende a institución municipal, hai que pular por tratamentos ecolóxicos (recollida selectiva de calidade, reciclaxe, compostaxe) e corrixir a recollida sen separar e o vertido e a incineración. Con accións neste sentido debemos pular por reverter os custos de tratamento na propia localidade con creación de emprego específico e conxelar o incremento das taxas nun momento económico tan desfavorable para a poboación.
Mentres tanto, aumentar os pagos a SOGAMA é financiar a ineficiencia ambiental e a destrución de recursos e empregos.
Deste xeito, solicitamos do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza, aos grupos parlamentarios do Hórreo e á FEGAMP a pular pola derrogación do incremento previsto do canon de SOGAMA que deben satisfacer os concellos.
2. Instar á Xunta de Galiza a derrogar o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020 e crear un modelo de xestión local de reciclaxe e compostaxe, para impulsar a creación de emprego.
3. Instar ao goberno local de Cabanas a derrogar o incremento da taxa do lixo sobre os seus veciños e veciñas"
Os concelleiros Teresa García e Ángel Pena foran expulsados do BNG malia a comprometérense a aplicar a unidade de acción ata final de lexislatura. Deste xeito, Anova comprometeuse a apoialos e tamén teñen o acordo de máis de 2/3 da candidatura municipal, incluído o ex-edil Xosé Manuel Sardiña -que abandonou o cargo por motivos persoais en maio de 2012.