AGE estuda montar "unha loxística" que permita defender o colectivo na vía xudicial
Beiras aposta pola vía penal para que os responsables da estafa das caixas galegas "respondan polo que fixeron"
Beiras aposta pola vía penal para que os responsables da estafa das caixas galegas "respondan polo que fixeron"
A iniciativa de AGE inclúe a vía penal porque será "a única maneira de que os responsables realmente respondan polo que fixeron". O parlamentario autonómico non dubidou en definir a actuación das entidades financeiras como "un delito de estafa monumental".
Nun diálogo directo coas persoas que están a ocupar dende o pasado 3 de decembro o caixeiro de Nova Galicia Banco en Gondomar, Beiras afirmou que na súa opinión a Xunta de Galicia debería "poñer os cartos -aínda que sexa momentaneamente- para cubrir as necesidades desta xente". Sostendo que "Se non o fan, serán tamén delincuentes" na medida que "deixen que ese delito de estafa se consume".
O líder da Alternativa Galega de Esquerdas, que chegou acompañado por catro deputados, opina que os clientes das caixas galegas foron estafados a través dunha oferta de "pagarlles máis que o que habitualmente paga a banca pero sen dicirlles que na letra miúda estaba agochado un vicio oculto que non se lles di". "Iso é unha estafa total e moralmente indecente" sentenciou Beiras, para quen a resposta da Xunta até o de agora ante o problema "é un insulto á intelixencia".
"Agora elimínase a obra social e á xente que embaucaron en estafas como estas as queren deixar abandonadas. Pois a eses dirixentes, algúns dos cales marcharon con indemnizacións millonarias teñen que responder ante actividades que eu considero persoalmente que dende a criminoloxía son un crime. E así está tipificado nos códigos penais. É un delito e polo tanto todos temos que arrouparlos e dar a cara", sinalou o dirixente nacionalista.
Beiras rematou o encontro co colectivo de afectados reiterando que non é xusto que "cada un de vós teña que defenderse por separado". Afirmou que "Eles xogan con que agora meten taxas leoninas para os cidadáns que se queiran defender. É moi difícil", iniciar demandas individuais , porque moitos "non terán recursos para facelo". "Temos que estudar como montar unha loxística de apoio aos afectados a través de avogados", finalizou.