Anova trasladará ao Parlamento e ao Pleno de Cabanas iniciativas sobre o Camiño Inglés, os áridos asfálticos do caso Arena e o río Baa

Cabanas. Encontro con Antón Sánchez
(parlamentario de AGE) e concelleiros de Anova
Antón Sánchez (AGE) cualifica de "escandaloso" o tratamento dado pola Xunta ao Camiño Inglés, aos áridos asfálticos e ao río Baa
Os concelleiros de Anova en Cabanas demandarán do concello que exerza as súas competencias e do alcalde de Cabanas que respecte a historia de Cabanas, "que descoñece tanto coma o alcalde de Pontedeume" asegurou Teresa García

Hoxe pola mañá o deputado de AGE no Parlamento de Galicia Antón Sánchez García reuniuse nun encontro informativo cos concelleiros de Anova en Cabanas e outros colectivos sociais e veciñais como a Plataforma de Defensa dos Camiños e a Plataforma de Afectados pola ampliación do polígono de Vilar do Colo entre outros para coñecer de primeira man asuntos locais con transcendencia autonómica.

Camiño Inglés
Deste xeito, repasaron o cambio de trazado do Camiño Inglés ao seu paso por este concello, incluíndo os límites con Fene, como zona moi afectada a zona urbana de Laraxe, tamén os núcleos urbanos de Cabanas e do Areal. O prazo para presentar alegacións ao novo trazado remata o vindeiro día 18 de decembro despois de dous meses de exposición pública.
A principal conclusión é que dun camiño sen perigo, nexo de unión cos camiños tradicionais que unían os concellos de Fene e Cabanas, coa nova proposta de trazado da Xunta pérdese contacto con elementos culturais e patrimoniais da zona e desvincúlase do río Baa e o seu contorno natural, dun interese especial.
A Xunta presenta unha alternativa ao camiño en Laraxe e Cabanas, co suposto beneficio da ampliación do polígono Vilar do Colo, onde saen prexudicados os peregrinos (con varios cruzamentos perigosos da N-651), os veciños –con afeccións e limitacións sobre as súas vivendas, que en ningún caso se verán compensadas por subvencións puntuais-, os usuarios e a comunicación co pobo e o curso do río Baa, xa modificado con anterioridade co planeamento e construción do polígono de Vilar do Colo.
No que respecta á traza ao seu paso por Laraxe, Anova está de acordo en que cómpre crear un espazo de transición entre o núcleo de Laraxe e a zona industrial conservando os camiños actuais e a pendente natural do terreo.
No trazado do Camiño Inglés trátase de recuperar a rede de camiños reais que levan a Santiago. Informouse das alegacións presentadas con anterioridade polos colectivos veciñais e toda a documentación existente (DOG cambio de trazado 18-10-2012, a resolución de Patrimonio 23-10-2008, SEPES, …).

Áridos asfálticos holandeses
Outro dos temas tratados foron os áridos asfálticos holandeses que se atopan nun monte á intemperie e sen medidas correctoras tres anos despois das primeiras denuncias. Non se lles aplican medidas polo perigo, nas mesmas condicións precarias dende o ano 2009, que supoñen unha gran ameaza para a saúde e afecta a terreos de proteccións de augas, estradas e solo rústico sendo a súa principal vítima o río Baa, ao seu carón, zona de gran valor natural e patrimonial), as augas de chuvia que caen sobre o vertedoiro de refugallos asfálticos matan ao río, que subministra en momentos de escaseza de auga a Mugardos e Ares.
A día de hoxe pediuse dende diferentes colectivos e asociacións a retirada dos materiais contaminantes, malia a que na actualidade segue o seu curso un expediente ambiental nos xulgados de Ferrol.