Anova Cabanas detecta menoscabos urbanísticos a decenas de vivendas no Plan Xeral de Cabanas

O alcalde e os técnicos non informan adecuadamente desta situación á que se abocan vivendas con licenza absolutamente legal nas actuais Normas Subsidiarias

Pola contra, alcalde e redactores xustifican a través dun convenio urbanístico especial a creación ex novo dun núcleo rural sen identificación toponímica, con dúas vivendas e unha piscina sen licenza pertencentes aos herdeiros do ex-ministro franquista Suanzes

Cabanas.- O pasado martes Anova impulsou unha reunión co alcalde e co equipo redactor do PXOM na que se realizaron diversas preguntas e constatouse como o goberno local informa deficientemente sobre cuestións de transcendencia como a situación fóra de ordenación á que a proposta de Plan Xeral do Partido Popular aboca a decenas de vivendas.



Segundo comprobamos dende Anova, o equipo redactor impulsa auténticos pelotazos urbanísticos no litoral e deixa fóra de ordenación a maioría das vivendas tradicionais dos núcleos rurais. Deste xeito, o sistema de poboamento tradicional en Cabanas é en rueiros (núcleos de casas pegadas unhas nas outras) que non son incluídos como agrupamento singular e non cumpren os requisitos mínimos de superficie e mesmo fronte a vía pública. Contra toda lóxica, o equipo redactor reproduce o sistema de núcleo rural disperso en parcelas mínimas de 600 a 1200 metros cadrados propio doutras zonas de Galicia. Así mesmo e arbitrariamente, a proposta do Partido Popular ignora na expansión dos núcleos rurais os cincuenta metros de ampliación establecidos por lei a partir das vivendas tradicionais.

En canto á situación de fóra de ordenación de decenas de vivendas, detectouse un incremento xeneralizado da parcela mínima para edificar fóra da zona urbana dos 500 m2 das Normas Subsidiarias a 600 m2 e máis. Casas acabadas de facer, ou casas tradicionais que estaban baixo a ordenación pasan ao limbo legal sen xustificación ningunha. Así mesmo, tamén se constata a irregular ampliación de viais con anchos variables segundo a zona pola que discorran e mesmo cun establecemento arbitrario e caótico de liñas de recuamento.

Neste sentido, dende Anova Cabanas queremos informar que a situación de fóra de ordenación en contra do que se está a dicir dende o grupo de goberno impón limitacións ás construcións afectadas. Nos seguintes artigos disípanse todas as confusións que se están tratando de crear interesadamente, mesmo desde o propio goberno local do Partido Popular, co fin de confundir aos veciños:
Fóra de ordenación, un limbo xurídico urbanístico. Jaime Concheiro
Legalización de edificacións fóra de ordenación
Inmobles fóra de ordenación, concepto e consecuencias

Así mesmo remitímonos aos informes das administracións públicas sobre o Plan Xeral de Cabanas, da mesma cor ca o goberno local, para unha crítica máis fonda do conxunto (accesibles desde este blog). E anunciamos a nosa intención de alegar contra un Plan Xeral pensado só para a especulación e non para o desenvolvemento do conxunto do Concello.