Transparencia real. Acta do Pleno de Cabanas: Novembro de 2013



ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DA CORPORACIÓN REALIZADA O 27 DE NOVEMBRO DE 2013.

No salón de sesións da Casa do Concello de Cabanas, sendo as dezanove horas e trinta minutos do día vinte e sete de novembro de dous mil trece, en primeira convocatoria e baixo a presidencia do Sr. Alcalde D.Germán Castrillón Permuy, coa asistencia dos Sres. Concelleiros relacionados á marxe e do Secretario titular D. Antonio López Vila, reúnese o Pleno da Corporación en sesión extraordinaria de acordo coa correspondente convocatoria.
Concelleiros asistentes: Da. Eva Ma. Pazos Bande, Da. Esperanza Gayoso Pereiro, D. Juan Antonio López Rodriguez, Da. Ana Rosa Méndez Eiroa
D. José C. Rey García D. Luis A. Fachal López
D. Delfin Feal Pereira
Da. Ma. Teresa de Jesus García Pita e D. Angel Pena Fontenla

Unha vez comprobada a existencia de quórum para a válida constitución do Pleno, a Presidencia declara aberta e pública a sesión, procedéndose a trata-los asuntos incluídos na Orde do Día.
Non asiste o concelleiro D. Julian Ramón Seijas Criado.


PARTE RESOLUTIVA.
1.- ACTAS DE SESIÓNS ANTERIORES. Dáse conta das actas das sesións anteriores realizadas os días 25 e 30 de setembro e 15 de novembro de 2013, das cales entregouse copia coa convocatoria a tódolos concelleiros, despois de preguntar o Sr. Presidente se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación, manifestando o Sr. Pena Fontenla que no punto 5 da sesión do 15 de novembro o voto dos concelleiros non adscritos fora a abstención, despois de emendar o erro de transcrición, o Pleno da Corporación en votación ordinaria, co voto a favor dos membros presentes acorda aproba-las referidas actas.

2.- PROPOSTA OBRAS POS 2014. Vista a circular da Deputación Provincial da data 28 outubro de 2013 comunicando a aprobación das bases reguladoras do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de competencia municipal (POS 2014), así como, a contía asignada a este Concello; vistas as devanditas bases reguladoras publicadas no Boletín Oficial da Provincia número 206 de data 29 de outubro de 2013, así como o proxecto técnico da obra a propoñer.
Despois de debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, co voto a favor dos dez membros presentes, acorda:
1.- Aprobar o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2014, cuxas bases se coñecen a aceptan na súa totalidade, no que se recollen as obras que o Concello ten previsto realizar, ou a dedicación a gastos correntes do exercicio 2014 ou a amortización anticipada da débeda, e de acordo co financiamento que se indica:
A ) Realización de obras e subministracións:
Denominación da obra
Deputación
Concello
Presuposto total
Saneamento de augas residuais en Chao da Aldea
56.841,30
---
56.841,30
Subtotal obras
56.841,30
---
56.841,30
Aprobar os proxectos das obras incluídas na anualidade 2014 e que se relacionan nesta táboa.




B) Financiamento de gastos correntes ou amortización de débeda:
Deputación
Achega provincial aplicada ao financiamento de gastos correntes
81.085,06
C) Resumo:
Denominación da obra
Deputación
Concello
Presuposto total
SUBTOTAL OBRAS
56.841,30
----
56.841,30
SUBTOTAL GASTOS CORRENTES
81.085,06
----
81.085,06
TOTAL
137.926,36
----
137.926,36
2.- Aprobar o Plan complementario do ano 2014 no que se inclúen as obras que a continuación se indican e aprobar os correspondentes proxectos:
Denominación da obra
Presuposto
Non se formula proposta para o plan complementario
---
TOTAIS
---
3.- Declarar que o Concello ten a dispoñibilidade dos terreos, augas e servidumes para a execución das obras, e ten resolto o relacionado coas concesións e autorizacións administrativas que legalmente sexan necesarias.
4.- Comprometerse o Concello a incluír no orzamento municipal do 2014 os fondos necesarios para facer fronte á achega municipal das obras incluídas na anualidade do 2014 se ahoubera.
5.- Solicitar da Deputación Provincial da Coruña, a delegación neste Concello da contratación e execución das obras incluídas no plan, que se entenderá aceptada si esta prodúcese efectivamente.
6.- Declarar que o concello non solicitou nin percibiu ningunha subvención doutras administracións públicas para o financiamento do investimento ou, no caso de que existan axudas ou subvencións concorrentes doutras administracións para a súa execución, achégase o detalle de cada unha delas, acreditándose que a súa suma total non supera o 100% do seu importe.
7.- Autorizase á Deputación a obter as certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social nas que se acredite que o concello está ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social
8.- Facultar expresamente ao alcalde para todo o relacionado coa tramitación e xestión do presente acordo e o correspondente expediente.

3.- DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DE APOIO Á SEMANA SANTA FERROLANA. A continuación dáse conta da seguinte proposta de declaración institucional: O Concello de Ferrol, en colaboración coa Coordinadora de Cofradías da Semana Santa Ferrolana, está traballando para que a súa Semana Santa sexa declarada Festa de Interese Turístico Internacional.
O carácter eminentemente relixioso desta conmemoración unido á enorme transcendencia que ten para a promoción social, cultural e turística do Concello de Ferrol e da súa comarca fai posible que cada ano veñan milleiros de persoas de diferentes lugares para contemplar as procesións que rememoran a Paixón, Morte e Resurrección de Xesús.
Durante unhas semanas as rúas de Ferrol énchense arredor dos pasos das cinco cofradías, herdeiras dunha tradición secular e dun espírito de fondo calado popular que resiste ós cambios sociais e xeneracionais.
Por todo o anteriormente exposto, dende o Pleno do Concello de Cabanas queremos expresar o noso apoio para a declaración da Semana Santa Ferrolana como Festa de Interesa Turístico Internacional.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira non ten que obxectar en canto a que se trata dunha promoción do turismo, pero non estaría de máis potenciar a semana santa aresana e tamén a que se está facendo aquí coas alfombras frorais, incluír todo como de interese turístico-relixioso.
O Sr. Alcalde indica que a Semana Santa de Ferrol é unha tradición, solicitan apoio e considera que é positivo para a Comarca, si Ares o pide tamén se apoiará e en Cabanas van a seguir coa promoción ano tras ano.
Despois de debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con oito votos a favor dos membros do grupo popular, da concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita, do concelleiro D. Angel Pena Fontenla, e do concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, e dúas abstencións dos membros do grupo AEC, acorda:
Aproba-la mencionada declaración institucional de apoio a Semana Santa Ferrolana.

4.- DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO. Vista a proposta de declaración institucional do grupo popular que di: Con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, o Concello de Cabanas manifesta o seu máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres.
A violencia, que nas súas distintas formas se exerce contra as mulleres, constitúe a mais clara manifestación das desigualdades que persisten entre mulleres e homes, constituíndo un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, á dignidade e á integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
As situacións de violencia de xénero requiren unha resposta coordinada, eficaz e interdisciplinar por parte das distintas administracións.
A través da mellora da coordinación interinstitucional e da garantía dos dereitos que o noso ordenamento xurídico recoñece ás vítimas e aos seus fillos e fillas, preténdese alcanzar unha resposta máis eficaz, centrada na prevención da violencia de xénero, unha mellor protección das mulleres e dos seus fillos e fillas e unha atención personalizada que contribúa á súa recuperación integral.
Por iso, resulta imprescindible xuntar todos os esforzos para facer fronte a este grave problema público e social, apelando á unidade de todas as forzas políticas e das Administracións Públicas, contando coa implicación da sociedade no seu conxunto e apoiando o labor das organizacións especializadas da sociedade civil.
Consciente da necesidade de seguir avanzando neste ámbito, o Concello de Cabanas reitera o seu compromiso co obxectivo de alcanzar unha sociedade libre de violencia na que as mulleres gocen da dignidade e os dereitos que lles son inherentes, como corresponde a unha sociedade libre e democrática.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
A concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita fala de incoherencia, estase a tratar da eliminación da violencia contra as mulleres e pregúntalles si realmente saben diso, estase a falar de mortes, de poñer á muller no sitio que lle corresponde, de ampliar dereitos e por outro lado vostedes están recortando, impedindo que a muller dispoña do seu corpo, recortes en sanidade, recortes en xustiza, etc., non é desculpa que estamos en crise para facer estes recortes e logo incrementan as porcentaxes nas concesións de autoestradas, paseos marítimos na Coruña, subvencións Deputación, subvención de ensinos que discriminan por sexo, hai unha incoherencia e pregúntase si realmente se sabe do que se está a falar.
Polo grupo Mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira considera que a loita contra a violencia de xénero non entende de recortes e supón un obxectivo que todo goberno debe ter como prioritario nas súas políticas, así o fixo o partido socialista impulsando leis a prol da igualdade, contra a discriminación, e loita pola erradicación desta violencia tanto física como psicolóxica; fala da repercusión da violencia na familia chegando a perda da vida de moitas mulleres, o que debe facer reflexionar sobre as políticas que se están a desenvolver, alude aos recortes do partido popular no eido social, sanitario, educativo e loita contra a violencia de xénero, redución do orzamento para este concepto na Delegación do Goberno, o número de vítimas no que vai de ano, recortes nas axudas as Comunidade Autónomas onde a de Galicia lonxe de suplir a redución estatal aplica o maior recorte en igualdade dende 2009, merecendo especial atención a prevención e actuación en ámbitos de maior vulnerabilidade; refírese ao incremento da violencia na adolescencia despois da reforma educativa que suprime a educación para a cidadanía que era clave para a prevención, fai mención a redución das partidas orzamentarias en políticas de prevención polo partido popular tanto no goberno central coma na Xunta e o papel determinante das accións dos centros de información das entidades locais nos casos de violencia de xénero, están en contra da violencia de xénero pero as palabras por si solas non bastan hai que acompañar de recursos.
Polo grupo Popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande, manifesta que non van polemizar con discursos sobre este tema que consideran de moita importancia; o Concello de Cabanas está a facer todo o que se pode nos casos que se presentan no Concello, teñen blindado os servizos sociais nos orzamentos, están atendendo tódalas situacións que o requiren; aparte da declaración institucional dende o Concello promovéronse actos para a celebración do día internacional para a eliminación da violencia de xénero, fíxose programa de envellecemento activo dedicado a este tema buscando promover a corresponsabilidade en persoas maiores, tamén houbo actuación de conta contos no colexio para educar as novas xeracións na igualdade e romper con estereotipos de xénero que inda continúan na sociedade, non solo palabras hai que facer cousas e dende o Concello farase todo que sexa posible.
A Sra. García Pita opina que hai discrepancia no PP entre o que pensan facer aquí e o que lle mandan no partido, sublévalle que unha muller diga o que dixo a portavoz popular, que poida ler un planfeto que lle mandou o partido inda que saiba que é incoherente, falso e cheo de mentiras e logo no concello faga outra cousa, e sabe a quen ten que pedir que cambien as leis e segan evolucionando nos dereitos das mulleres que custou moitas vidas e sufrimentos, alegrase que polo menos no pobo pense outra cousa.
O Sr. Feal Pereira alégrase que se intente educar aos máis pequenos inda que a maiores está o problema económico, si queremos que se eduquen en igualdade hai que loitar contra a violencia de xénero e demandar do Estado e da Xunta partidas económicas, esixir que se manteñan e potencien as accións de actuación e prevención, que o Goberno central modifique a reforma local e devolva competencias e recursos económicos as entidades locais, sobre todo demandar que o Ministerio de Educación non suprima educación para a cidadanía como ferramenta para educar en igualdade achegando as partidas necesarias para desenvolvemento dos ciclos formativos, e poñer os cementos para a loita contra a violencia de xénero.
A Sra. Pazos Bande insiste en non polemizar sobre este asunto, pódese chegar ao que é de competencia local, como equipo de goberno tratan de conseguir os recursos necesarios para abordar os asuntos sociais que teñan que ver co Concello, non poden actuar en Madrid o na Xunta, a obriga e conseguir fondos para cubrir os servizos sociais e ata o momento o están conseguindo.
O Sr.Alcalde considera que a veces o orzamento non é todo, pois con menos orzamento e unha boa xestión se poden facer máis cousas, ademais dende a Dirección Xeral de Igualdade se están facendo cousas moi importantes neste campo.
Despois de debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, co voto a favor dos dez membros presentes acorda aproba-la mencionada declaración institucional.

5.- MOCIÓNS DO GRUPO MIXTO E DOS CONCELLEIROS NON ADSCRITOS SOBRE INCREMENTO CANON TRATAMENTO RESIDUOS URBANOS A PERCIBIR POR SOGAMA. A continuación trátase en conxunto as mocións presentadas polos grupos: Mixto e Concelleiros non adscritos, sobre a violencia de xénero.
A) A moción presentada polo grupo Mixto, na exposición de motivos fala do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia paa 2014 que na DA 21ª,dous, pretende a revisión do canon a percibir por Sogama S.A. pasando a 74,64 €/Tn, máis o ive, cando na actualidade é de 55,91 €/Tn, máis ive., xustificando o incremento na caída das primas estatais pola valoración enerxética dos residuos, segundo decisión do Goberno Rajoy. Co novo canon Sogama pasaría de ter perdas en 2013 a uns beneficios de 6.624.160 € en 2014.
Estiman que non resulta aceptable que unha sociedade do sector público autonómico como é Sogama, na que a Xunta ten o 51% do capital social, se plantee en tempo de crise con afán recadatorio non só cubrir costos senón xerar beneficios inxustificados detraídos dos petos dos cidadáns, cando os concellos se atopan en situación delicada; a Xunta en vez de demandar compensación do Goberno central polos recortes nas primas de coxeneración eléctrica opta por incrementar o canon obrigando aos concellos a suba do canon aos veciños sen a máis mínima sensibilidade social, consideran que debe afrontarse a situación con diálogo e respecto aos poderes locais representados na Fegamp.
Por to o exposto, somete a consideración do Pleno a adopción dos seguintes acordos:
1º. Demandar ó Presidente da Xunta de Galicia a urxente retirada da proposta de incremento do canon por tratamento de residuos, recollida na Disposición Adicional 2ª, Dous, do proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.
2º. Demandar ó Presidente da Xunta de Galicia e ó Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias a creación e posta en marcha dunha mesa de negociación, na que, coa presenza e colaboración de Sogama, se estuden os custos reais do tratamento de residuos dos concellos.
3º. Dirixirse a todos os Grupos políticos, con representación no Parlamento de Galicia, a fin de que requiran da Xunta de Galicia a realización dunha auditoría externa (económico financeira, recursos humanos, produción, medio ambiental, etc. ) da Sociedade Galega de Medio Ambiente, dándose traslado dos seus resultados á totalidade dos concellos que utilicen os seus servicios.
4º. Demandar do Presidente da Xunta de Galicia que, para o caso de que non se retire a iniciativa da nova tarifa do canon de tratamento de residuos dos orzamentos autonómicos do 2014, o incremento que sufra o mesmo respecto ó do ano 2013 sexa asumido integramente polo Goberno autonómico, sen repercusión algunha nas transferencias ós concellos.
B) A moción presentada polos concelleiros non adscritos Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita e D. Angel Pena Fontenla alude a Lei 10/1997, do 22 de agosto, de residuos sólidos urbanos de Galicia e ao Plan de xestión dos residuos sólidos urbanos de Galicia, que atribúen a condición de xestor a SOGAMA, e a Xunta gobernada polo PP incrementa nos orzamentos para 2014 un 34% o canon do lixo pasando de 55,91 a 74,54 sen ter en conta o ive. Esta decisión vén imposta polo cambio de tarificación eléctrica do goberno central que tamén afecta a Megasa, con elo SOGAMA pretende consolidar a conta da cidadanía 7 millóns de euros de beneficio. Á vista do novo saqueo da cidadanía apostan por priorizar reciclaxe e compostaxe, dende o municipio hai que puxar por tratamentos ecolóxicos e corrixir a recollida sen separar, tratando de reverter custos de tratamento na propia localidade con creación de emprego e conxelación de taxas.
Por todo elo, solicitan do Pleno da Corporación a adopción do seguinte acordo:
1. Instar á Xunta de Galicia, aos grupos parlamentarios do Hórreo e á FEGAMP a pular pola derrogación do incremento previsto do canon de SOGAMA que deben satisfacer os concellos.
2. Instar á Xunta de Galicia a derrogar o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020 e crear un modelo de xestión local de reciclaxe e compostaxe, para impulsar a creación de emprego.
3. Instar ao goberno local de Cabanas a derrogar o incremento da taxa do lixo sobre os seus veciños e veciñas.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo AEC: o portavoz D. Luis A. Fachal López solicita que as dúas mocións se voten por separado. O Sr. Presidente indica que non hai problema.
Polo grupo Popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande considera que é un tema que se tratou en varias reunións, o equipo de goberno non está de acordo coa subida de Sogama pero revelarse contra o pago implicaría non percibir achega do Fondo de Cooperación da Xunta co cal non están de acordo, como oposición poden dicir moitas cousas pero como equipo de goberno teñen que ter outra responsabilidade, hai que dar cobertura a este servizo e asumir a subida, hai que executar as sentenzas do Penso que impiden que se poida asumir esta subida, polo tanto como xa dixeron noutras reunións hai que subir o recibo, aclara tamén que a pesar desta subida seguimos estando nos prezos máis baixos dos concellos do entorno, aludindo as taxas dos distintos concellos, a idea do equipo de goberno era unha pequena suba para reducir déficit, insiste nos gastos da execución da sentenza do Penso e no informe de Intervención sobre o déficit do servizo, así como que o equipo de goberno ten que actuar con responsabilidade.
A Sra. García Pita sinala que en ningún momento pediron que o concello asuma a subida, senón que impida esa suba de Sogama, porque unha cousa é que cubra custos pero que tomen o pelo non, non se pode consentir esa actitude monopolista, na UE están prohibidos estes sistemas empresariais, o cidadán non ten porque sufrir a incompetencia e falta de gobernabilidade dun partido político.
D. Luis A. Fachal López portavoz do grupo AEC opina que todos están de acordo en que a subida de Sogama é inxusta, polo tanto non ve inconveniente en asumir todos a proposta do concelleiro do PSdG-PSOE que demanda que non se aplique porque é inxusta, a proposta de Anova ten unha diferenza no punto 3 que non respectaría o informe de Intervención, a Xunta é quen ten a potestade pois xuntémonos todos e reclamemos todos xuntos a mesma proposta.
O Sr. Feal Pereira alude a intervención da portavoz popular indicando que o debate das taxas do lizo xa quedou debatido no pleno anterior, isto é outra cousa, é unha subida unilateral e inda por encima pasa a un superávit de máis de 6 millóns de euros, non ve inconveniente en que se demande da Xunta a retirada, que se negocie coa Fegamp e Sogama e de unha cumprida información sobre a xestión económico-financeira, caso de non retirala que asuman a subida xa que o 51% é a coparticipación da Xunta na empresa e seguir traballando na reciclaxe, educación, etc., a comparación de concellos hai que facela con outros nas mesmas condicións, o da sentenza do Penso é como botarlle a culpa a todo porque non sabemos que facer, no debate da suba da taxa quedou claro a postura deste portavoz e como se podía reducir custos sen esperar ao punto limpo, actualizar o padrón contribuíntes está ben pero as Tn seguen a ser as mesmas, pero nesta moción non se está a falar das taxas, trátase de esixir a Sogama a través da Xunta de Galicia e da súa Consellería que estude esta suba e non se aplique, faltan moitos datos a estudar.
A Sra. Pazos Bande indica que as dúas fontes de financiamento de Sogama son o canon que cobra aos concellos e a venda de enerxía eléctrica, o novo marco regulador do sector eléctrico prevé un imposto do 7% e a diminución de primas, os cambios lexislativos levan a un panorama complexo para a economía de Sogama, ante isto a dirección da empresa tomou máis medidas como venda de vidro e aceiro, etc., co incremento do canon a empresa garante a súa viabilidade e prestación dun servizo público esencial para os Concellos, que a Xunta creou no seu día con carácter voluntario; Sogama non repartiu dividendos nestes últimos anos, foron para reservas mentres que en 2006 e 2007 si os repartiron, gastaron o que non tiñan e agora pagamos as consecuencias, a pesar da subida as tarifas de Sogama seguen a ser das máis baixas, non está de acordo en non pagar, (intervén a Sra. García Pita e a Presidencia ordénalle silencio) a UE nun informe dunha consultora externa cualificaba a actividade de Sogama de interese xeral e que o canon dos concellos era insuficiente para a súa viabilidade, polas particularidades de Galicia os custos de tratamento son máis caros que noutras Comunidades, e as contas son auditadas anualmente e son públicas.
O Sr.Alcalde aclara que a Fegamp segue coas conversacións, temos que ter responsabilidade como equipo de goberno e gobernar, non se pode facer algo que dentro de certo tempo custe moito diñeiro, agora hai que acometer a demolición do Penso, recorda tamén que Sogama non pode recibir subvencións e a Xunta non pode asumir a suba.
Despois de asumir os concelleiros non adscritos que a súa moción quede asumida pola do grupo Mixto, o Sr. Presidente somete a votación a moción presentada polo concelleiro do PSdG-PSOE do grupo Mixto, resultando cinco votos a favor dos membros do grupo AEC, do concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, da concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita, e do concelleiro D. Angel Pena Fontenla, e cinco en contra dos membros do grupo popular; visto que se produce empate repítese a votación obténdose o mesmo resultado, a vista do cal o Sr.Presidente co voto de calidade decide a favor do rexeitamento da devandita moción.

6.- MOCIÓN DO GRUPO MIXTO SOBRE A NON APLICACIÓN NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA DA RESOLUCIÓN QUE IMPLANTA O REPAGO DOS MEDICAMENTOS DE FARMACIA HOSPITALARIA. Vista a moción presentada polo concelleiro do PSdG-PSOE do grupo Mixto en cuxa exposición de motivos alude a posta en marcha do Real Decreto-Lei 16/2012, do 20 de abril de medidas urxentes para a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e os pasos dados pola administración en contra dos dereitos dos doentes. Unha das medidas máis importantes foi a obrigatoriedade de cofinanciar o custo dos medicamentos polos pensionistas, engadiuse a exclusión de máis de 400 fármacos da lista de medicamentos financiados que multiplicaron o seu custo, os salarios e as pensións en Galicia son dos máis baixos do Estado; estas medidas sumadas a outras antisociais aplicadas polos gobernos de Rajoy e de Feijo cunha nefasta xestión e complicidade están a empeorar a calidade de vida e empeorar as desigualdades sociais.
Os concellos galegos son dos que teñen máis poboación envellecida, máis pensionistas e enfermos crónicos e polo tanto máis afectada tendo en conta a subida do ive, IRPF, transporte, auga, etc, con pensións que non superan 600 euros en moitos casos. A medida de repago non reduciu o gasto farmacéutico pero aumentou o dos cidadáns e no BOE do 19 de setembro publícase Resolución pola que se modifican as condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica como feito consumado, afectando a prestación farmacéutica ambulatoria nos hospitais, non se trata de aportación reducida como di o PP, trátase de medidas inxustas e de crueldade por aplicarse aos pacientes máis graves. Hai moitas asociacións e colectivos sanitarios que elevaron protesta á administración e Comunidades Autónomas que amosaron a súa incomprensión, en Galicia o Sr. Feijóo ten anunciado a súa aplicación e significa un novo imposto aos máis enfermos. Un dereito como é o da saúde non pode converterse nun privilexio.
Por todo elo somete a consideración do Pleno a adopción dos seguintes acordos:
1º. Que este Concello solicite do Goberno Galego a NON aplicación na CC.AA. de Galicia da Resolución do 10 de setembro que implanta o repago na dispensación ambulatoria dos medicamentos de farmacia hospitalaria indicados para tratamento de graves patoloxías e de doenzas crónicas.
2º. Instar á Xunta de Galicia a demandar do Goberno central a retirada da Resolución do 10 de setembro de 2013,da Dirección General de Cartera Básica de Servicios del Sistema Nacional de Salud y Farmacia.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande manifesta que a achega do usuario non é unha novidade, o novo modelo está no Real Decreto Lei 16/2012, do 20 de abril, que introduce criterios de equidade que demandan os cidadáns, eficiencia que esixe o tribunal de contas e seguridade que demanda o sector sanitario, polo tanto a achega de usuarios en fármacos de dispensación na farmacia hospitalaria non é novidade, forman parte da prestación farmacéutica do mesmo xeito que nunha oficina de farmacia, é unha achega reducida do 10% cun tope de 4,20 € envase, os topes mensuais son únicos, os usuarios exentos na oficina de farmacia tamén o estarán na farmacia hospitalaria; é norma básica impulsada polo Ministerio de Sanidade e polo tanto de obrigado cumprimento, actualmente en Galicia estase traballando para a entrada en vigor a aplicación deste modelo.
A Sra. García Pita considera que sempre están co mesmo argumento de que é unha medida do goberno central, o goberno local non pinta nada porque son serviles e nada máis; chámalle a atención que a portavoz popular non senta repulsa por dicir que inda lle parece pouco o que teñen que pagar os pacientes, non sabe como está a situación dos pensionistas.
O Sr. Feal Pereira considera unha pena que nun punto esencial da vida das persoas como é a saúde se queira volver a épocas pasadas onde solo podían ter saúde os que tiñan diñeiro para pagar médicos e tratamentos, alude a casos de traer medicamentos do estranxeiro e o sistema de saúde xeral implantado polo Ministro de Sanidade Ernest Lluch que foi referencia mundial, agora como non son capaces de privatizar hospitais van a privatizar por áreas, están a volver atrás e depender da capacidade económica; non entende as manifestacións de que non é novidade, pagar 4,50 non pasa nada para vostedes pero é un fraude, os pensionistas pagaron a súa pensión e teñen dereito a unha prestación sanitaria, outra cousa é que se lle esixa máis aos que están en activo, o tema é claro están cargando sobre as clases máis desfavorecidas como si sobrasen as persoas.
A Sra. Pazos Bande fala da diferenza de estar na oposición que cando se está no goberno, a pena é como deixou o PSOE España e por iso hai que facer isto, dende a oposición é fácil dicir cousas para quedar ben, critica que falen dos pensionistas (intervén a Sra. García Pita e o Sr. Presidente indícalle que é a segunda advertencia e a terceira se marcha), considera que a súa alternativa é mellor e están a facer un gran esforzo colectivo para non deixar morrer definitivamente o sistema sanitario por culpa da mala xestión.
O Sr.Alcalde insiste no dito pola portavoz popular e indica que hai que ter valor para vir con estas cousas a pleno despois de como deixaron España ( intervén de novo a Sra.García Pita e o Sr. Presidente ordénalle que se marche, abandonando a sesión) prosegue o Sr.Alcalde manifestando por que non trasladou isto ao Parlamento europeo, ao Parlamento de España, ao Parlamento galego cando gobernaron e non o arranxaron.
Debatido o asunto, o Pleno da Corporación con catro votos a favor dos membros do grupo AEC, do concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, e do concelleiro D. Angel Pena Fontenla, e cinco en contra dos membros do grupo popular, acorda o rexeitamento da devandita moción.

PARTE DE CONTROL ÓRGANOS DA CORPORACIÓN.
7.- INFORMES DA PRESIDENCIA.
a) Resolucións da Alcaldía. Dáse conta das resolucións ditadas desde a número 346 do 23-09-2013 ata a número 474 do 22-11-2013.
b) Informe sobre a execución trimestral 3ºT/2013. Dáse conta da comunicación dos datos de execución do orzamento no 3º T de 2013 remitida ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Secretaría Xeral de Coordinación Autonómica e Local, relativos ao Informe de Avaliación do cumprimento de obxectivos Lei Orgánica 2/2012, que supoñen que o orzamento desta Corporación non cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria e cumpre co obxectivo da regra de gasto.
c) Informe trimestral de acordo co art. 5 da Lei 15/2010 do 5 xullo pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade. De acordo co establecido no artigo 4 da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, preséntase o informe correspondente ao 3ºT de 2013 sobre o cumprimento dos prazos previstos nesta lei para o pagamento das obrigas desta entidade local, incluíndo o número e contía global das obrigas pendentes nas que se está incumprindo o prazo, así como relación de facturas e/ou documentos xustificativos con respecto ós cales transcorresen máis de tres meses dende a anotación no rexistro de facturas sen tramitar os expedientes de recoñecemento da obriga.

RENUNCIA O CARGO DE CONCELLEIRO. A continuación toma a palabra o concelleiro D. Juan Antonio López Rodriguez da candidatura Partido Popular (PP) para dar conta da presentación da renuncia ó cargo de concelleiro desta Corporación por motivos laborais e por non poder dedicarlle o tempo que require a xestión das concellerías que leva, co obxecto que realicen os trámites para substitución polo seguinte da lista que corresponda.
Indica que nas súas intervencións procurou defender as ideas con intensidade pero con respecto cara as persoas do outro lado da mesa, procurando non caer na descalificación ou na ofensa, agradece ao resto do seu grupo político a dedicación, honestidade e transparencia con que se fai o traballo no grupo e sobre todo mostrar o seu apoio e admiración ao Sr.Alcalde pola xestión que está a facer no desempeño do seu cargo.
Despois do uso da palabra polo mencionado concelleiro, o pleno da Corporación por unanimidade acorda tomar coñecemento da renuncia ó cargo do concelleiro de D.Juan Antonio López Rodriguez e remitir certificación deste acordo á Xunta Electoral Central para que expida credencial do seguinte da lista que debe substituílo.

6. ROGOS E PREGUNTAS.
a) Preguntas orais.
a.1. Grupo AEC: Intervención do portavoz D. Luis A. Fachal López.
a.1.1. As casetas que están actualmente no paseo marítimo que son estacionais, está prevista algunha data para retiralas?.
Resposta Sr.Alcalde: me imaxino que si, teñen que sacalas.
a.1.2. Como están os trámites para implantación dos pantaláns no Día Oito, hai algún avance?.
Resposta Sr.Alcalde: a pesar do esforzo están como estaban, o compromiso está aí que si pero de momento non avanzamos.
a.1.3. Hai algunha noticia ou algún avance na humanización da N-651?.
Resposta Sr.Alcalde: hai algúns avances, desde o Ministerio chamaron a Demarcación de Estradas para que enviasen o proxecto e ver informes sobre a necesidade, estase a mover a nivel de Madrid e haber si se da sacado, si hai emenda aos orzamentos do Estado para sacalo para adiante, estase intentando que a modificación sexa completa e non solo a primeira parte.
a.1.4. Queriamos saber si hai algunha novidade na situación da execución das sentenzas do Penso?.
Resposta Sr.Alcalde: se está sacando o prego e sacar a contratación, seguen as xestións coas entidades financeiras.
a.1.5. En relación coas licenzas dos chalets de Cardeita, hai que esperar polos outros ou como están?.
Resposta Sr.Alcalde: non, son licenzas individuais, 4 xa están concedidas.

a.2. Intervención do concelleiro D. Angel Pena Fontenla.
a.2.1. Desde o pleno de maio reclaman o arranxo das fochancas do camiño do Pereiro, en maio porque chovía, en xullo porque estaban rozando a herba, en setembro porque ían asfaltar, estamos en decembro es a fochancas seguen aí, cando se van amañar por fin esas fochancas?.
Resposta Sr. Alcalde: o camiño do Pereiro está amañado, está asfaltado, si se refire ao camiño do Pereiro de Abaixo estase a falar doutra cousa distinta.
O Sr. Pena Fontenla considera que hai un solo camiño do Pereiro mentres que o Sr.Alcalde indícalle que hai dous o de Arriba e o de Abaixo, producíndose debate sobre a situación.

a.3. Intervención do concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira.
a.3.1. A final do mes de maio do 2013 presentouse unha solicitude por veciños de Soaserra e Regoela para a colocación dunha marquesiña na parada do bus situada en Lavandeira, sentido A Capela, como está o tema?, vaise colocar?.
Resposta Sr.Alcalde: recibiu a señor e explicoulle a situación, non lle prometeu nada porque o tema está complicado porque hai que conseguir unha marquesiña, pediulle datos dos nenos e solo eran dous ou tres, estase buscando recursos, hai solicitadas marquesiñas que se irán instalando por orde onde mais nenos haxa, pero non pode dicir a data en que se vai a colocar.
a.3.2. Rogo. Que poña a funcionar a calefacción na escola de música que morren de frio.
b) Preguntas por escrito.
b.1. Presentadas polos concelleiros Dª.Mª. Teresa de Jesus García Pita e D. Angel Pena Fontenla, en escrito de data 26 de novembro de 2013.
b.1.1. No Pleno de maio de 2013 a Corporación aprobou unha moción para garantir información e máis esixir a reposición da legalidade urbanística en San Lourenzo e ao día de hoxe esta Corporación descoñece as xestións que se realizaron a este respecto.
1º. Esixirlle á APLU que lle achegue á Corporación municipal a documentación relativa ao vertedoiro en terreo rústico de áridos bituminosos de Holanda.
2º. Esixirlle á Alcaldía de Cabanas, ás consellerías competentes e á APLU o cumprimento escrupuloso da legalidade urbanística
Con data 27 de setembro de 2013 a APLU solicitou un informe de depósito de material asfáltico en Vilar do Colo, cando ata a APLU sabe que no monte rústico denominado San Lourenzo están cando menos tantas toneladas como verteu o Prestige ao mar.
201200000002237 3104-OFICIO APLU-AMB-2012-AXENCIA DE PROTECCIÓN DA LEGALIDADE (APLU) 6397 27/09/13 12:12 SOLICITANDO INFORME SOBRE DEPOSITO MATERIAL ASFALTICO EN VILAR DO COLO URBANÍSTICA.
Cumpríronse e executáronse os acordos do Pleno? Onde podemos consultar a documentación da APLU?.
Resposta Sr.Alcalde: A documentación da APLU non hai problema, cando queira a solicita e lla deixamos ver, é pública e non temos inconveniente ningún; o resto é un tema xudicial que terá que determinalo o xuíz, a APLU pediunos un informe técnico que se lle remitirá estes días e a partir de aí será que decida.
b.1.2. Sobre as obras da estrada de Porto a Laraxe, pregúntanos un veciño se esas beirarrúas van enterrar os muros e as saídas das vivendas ata 70 cm, nalgúns casos. Adaptaranse as beirarrúas para garantir a accesibilidade ás vivendas?.
Resposta Sr.Alcalde: as beirarrúas van cumprir a normativa de accesibilidade como require a lei, iso está contemplado.
O Sr. Pena Fontenla insiste en que hai queixas de sitios con bastante altura.
O Sr.Alcalde manifesta que ao Concello non chegaron esas queixas, si esa persoa ten algún problema non ten máis que dirixirse a dirección de obra ou ao Concello directamente.
b.1.3. Rogo. O día 19 do mes pasado as 20:30 tivo lugar un accidente no paso de peóns do Peón en Laraxe no que se viron involucrados tres vehículos que chocaron en cadea por non decatarse do paso de cebra, por sorte nesta ocasión non atropelaron aos peóns que estaban a pique de cruzar por el, cousa que si aconteceu noutras ocasións causando graves danos ás vítimas. Polo que consideramos que este paso de peóns é un punto negro que compre solucionar, por isto propoñémoslle ao goberno municipal que solicite da Demarcación de Estradas a colocación de sinais luminosos neste paso de peóns que permitan aos condutores velo mellor e reducir deste xeito o perigo para veciños.
Resposta Sr.Alcalde: non hai inconveniente en pedilo o tema é haber si hai onde colocar o sinal, está limitada a velocidade a 50 pero si se pode mellorar a seguridade solicitaráselle á Demarcación de Estradas.

b.2. Preguntas presentadas polo concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira en escrito de data 26 de novembro de 2013.

b.2.1. En relación á poboación do Concello de Cabanas:
- Cal é o censo actual de habitantes?
- Temos estatísticas dos fluxos migratorios de poboación, en concreto no rango de poboación activa e por idades?, Cales son?.
Resposta Sr. Alcalde: a día de onte 3.338 habitantes. Cambio de pais no que vai de ano 2 persoas, baixas por cambio a outros concellos 109, altas por cambio doutros concellos 128, altas por nacemento 13 e baixas por defunción 30.
b.2.2. En relación aos trámites de inicio de alleamento dos bens inmobles pertencentes ao Concello de Cabanas (Escola Laica e Nave industrial no Polígono de Vilar do Colo):
- En que fase se encontran?.
- Trala aprobación do inicio dos trámites houbo interese por parte de particulares ou empresas en ditos bens?.
Resposta Sr. Alcalde: están non trámites dos servizos urbanísticos do Concello para que fagan informe e valoración, a partir de aí se fará publicidade. Non se fixo publicidade sobre iso e non puido haber interese porque non se sabe agás algún comentario de palabra, ninguén preguntou por eses bens.
b.2.3. En relación ás políticas activas de promoción do emprego:
- Poderíasenos explicar cales foron e que resultados se están acadando?.
Resposta Sr.Alcalde: levouse a cabo o programa nos concellos de Fene, Pontedeume, Neda, Mugardos e Cabanas no ano 2012-2013, dentro dese programa había 14 persoas do concello de Cabanas, logrouse colocar a 6, 5 delas cumpren os obxectivos dos 6 meses mínimo traballando e 1 non cumpriu aínda, estase a espera de que cumpra, nese programa piden un 35% de inserción e cumpriuse, ademais xente que non estaba dentro do programa por non cumprir os requisitos se colocaron 7 persoas máis porque foron atendidos pola persoa que levaba o programa; por outra b anda fíxose o plan de cooperación da Xunta onde se contrataron 8 persoas, plans da Deputación para limpeza de praias no verán 8 persoas e agora empezaron a traballar 2 persoas máis a través da Deputación dentro dun plan de emprego da propia Deputación.
b.2.4. En relación ás execucións das reposicións das legalidades urbanísticas:
- No caso máis perentorio da execución da sentenza sobre o edificio do Penso, e trala aprobación do inicio de contratación dos traballos, volveuse a falar coa comunidade de veciños afectados para explicar os seguintes pasos que se van a facer e prazos de execución de sentenza?.
Resposta Sr.Alcalde: si se volveu a falar con eles e estiveron outra vez reunidos, incluso viñeron cun novo avogado para coñecer cousas, estamos a espera, explicóuselle todo o proceso como era e que nos non podiamos parar xa o proceso, son coñecedores do tema, o avogado púxose en contacto co noso avogado e me pediron documentación que tiñamos e entregámoslla.
Nos demais casos denunciados (finca de Suances, urbanización de Cardeita, ocupación de beirarrúas polo ximnasio na zona da praia da Madalena), como se encontran ditos expedientes de reposición?.
Resposta Sr.Alcalde: A finca de Suances estase a resolver, a urbanización de Cardeita xa se regularizou a situación de 4 licenzas e as beirarrúas do ximnasio estase pendente de xuízo previsto para o día 11 de decembro porque foi aos tribunais.
Non habendo mais asuntos que tratar a Presidencia levanta a sesión sendo ás vinte horas e cincuenta e cinco minutos, da cal levanto a presente acta e como Secretario dou fe.
Vº e prace, O Secretario.
O Alcalde,