Pola república do pobo

Cabanas.- O Concello de Cabanas proclamou a II República o 15 de abril de 1931, un día despois da proclamación nas principais cidades e municipios do país.
En datas coma hoxe o Concello debería lembrar a historia a través de todas as persoas que foron sacrificadas por un alzamento militar indigno e devastador.

Cabanas e a súa Corporación sufriron de maneira virulenta e violenta as vinganzas políticas dun golpe militar que polo poder esmagou a ilusión da xente do común.
Lembramos deste xeito a Álvaro Puentes, último alcalde republicano de Cabanas, a Manuel Buhigas, primeiro tenente de alcalde, e os edís fusilados, Xoaquín Rodríguez e Juán Pereiro. A eles súmanse a morte violenta de máis de vinte cabaneses executados, desaparecidos ou paseados na Guerra Civil e na ditadura franquista. É unha vergoña que os restos dalgún deles sigan desaparecidos hoxe, e outros inda fosen recuperados recentemente.
Neste día sinalado lembramos dende aquí a aquela xente que sufriu por impulsar a liberdade, a igualdade e a fraternidade convencidos de que era o camiño do progreso galego.
De nós para eles: Viva a liberdade! Viva a fraternidade! Viva Galicia ceibe!