PP, PSOE e AEC "pasan" da primeira moción veciñal sobre a enchente no Pereiro

Castrillón en xaneiro "pasou sen ningún problema"
Cabanas.- Ángel Pena presentou moción de urxencia para que o goberno local resolvese o problema de enchentes crónicas no camiño do Pereiro, á altura do río dos Carneiros. A apatía máis absoluta reina na corporación local diante de iniciativas veciñais directas.




O Sr.Alcalde entendeu que "non hai urxencia porque el mesmo pasou por alí sen ningún problema, é coñecedor diso e houbo tempo de presentala sen urxencia". Os plenos da Corporación cada dous meses celébranse así por imposición do grupo popular encabezado polo propio Castrillón, e o PP é capaz na mesma sesión de pedir construtivismo e por outra banda torpedear as demandas veciñais trasladadas por outros concelleiros da oposición municipal. Será que non queren que os molesten.
Os votos a favor dos concelleiros Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita e D. Angel Pena Fontenla, non foron suficientes para sacar adiante o debate da proposta. E tres abstencións dos membros do grupo AEC e o concelleiro do PSdG-PSOE do grupo Mixto con cinco votos en contra dos membros do grupo Popular, rexeitouse a urxencia da moción.
En todo caso, e no uso do último recurso de participación pública e co debate censurado polo PP, Ángel Pena rogou unha solución as enchentes do río do Carneiros, o río do Pereiro de Abaixo que demandan as firmas de 76 veciños porque non se pode pasar por alí a pé, que se faga un proxecto e se solucione o problema en 2013.

O alcalde popular encerellouse coas súas teimas e trata de lear a veciños para eludir a responsabilidade da Xunta de Galicia cando fixo a estrada. Segue na súa dinámica habitual de contar trolas, posto que nun pleno anterior a ignorancia da portavoz popular tamén quixo responsabilizar sen ter idea ningunha do tema ao presidente da extinta Comisión de Taxas de Abastecemento e Depuración que nada tivo que ver co asunto.