Acta do Pleno Ordinario de xaneiro de 2013

Cabanas.- Seguimos co traballo de difusión do que acontece, porque se non somos nós non hai quen conte unha verdade.



ACTA DA SESIÓN ORDINARIA DO PLENO DA CORPORACIÓN REALIZADA O 30 DE XANEIRO DE 2013



Concelleiros asistentes:Dª. Eva Mª. Pazos Bande.Dª. Esperanza Gayoso Pereiro.Dª. Ana Rosa Méndez Eiroa.D. Julián Ramón Seijas Criado.D. José C. Rey García.D. Luis A. Fachal López.D. Delfin Feal Pereira.
Dª. Mª. Teresa de Jesus García Pita, D. Angel Pena Fontenla.

No salón de sesións da Casa do Concello de Cabanas, sendo as dezanove horas e trinta minutos do día trinta de xaneiro de dous mil trece, en primeira convocatoria e baixo a presidencia do Sr. Alcalde D.Germán Castrillón Permuy, coa asistencia dos Sres. Concelleiros relacionados á marxe e do Secretario titular D. Antonio López Vila, reúnese o Pleno da Corporación en sesión extraordinaria de acordo coa correspondente convocatoria.
Unha vez comprobada a existencia de quórum para a válida constitución do Pleno, a Presidencia declara aberta e pública a sesión, procedéndose a trata-los asuntos incluídos na Orde do Día.
Non asiste o concelleiro D. Juan Antonio López Rodriguez por motivos laborais.

PARTE RESOLUTIVA.
1.- ACTAS DE SESIÓNS ANTERIORES. Dáse conta das actas de sesións anteriores realizadas os días 28 de novembro e 31 de decembro, de 2012, das cales entregouse copia coa convocatoria a tódolos concelleiros, despois de preguntar o Sr. Presidente se algún membro da Corporación ten que formular algunha observación, e non presentándose alegacións, o Pleno da Corporación en votación ordinaria, co voto a favor de tódolos membros presentes acorda aproba-las referidas actas.

2.- MODIFICACIÓN DA TAXA POLO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR. Visto o expediente tramitado para modificación da taxa polo servizo de axuda no fogar, e da correspondente ordenanza fiscal reguladora, así como, documentación que consta no devandito expediente co informe de Intervención e ditame da Comisión de Facenda.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
A concelleira Dª. Mª.Teresa de J. García Pita manifesta que xa votaron en contra na Comisión, sería máis xusto facer os tramos por renda pero solo teñen afán recadador, é triste que se recorte servizos sociais, se non existira un máximo o subirían máis, gustaríalle saber que din os usuarios que necesitan e teñen que pagar por estes servizos, e logo despois vense os soldos de membros da Corporación, dietas, festexos e propaganda, votarán en contra da suba.
Polo grupo mixto o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfin Feal Pereira indica que na comisión de Facenda preguntou polas contías do aumento, non tiñan esa documentación e se abstiveron, agora quédase co dito pola portavoz do PP que pagará máis quen mais ten, con ese concepto está de acordo, pero aquí fan referencia ao IPREM que está conxelado dende hai catro anos e hai unha redución das rendas e aumento de  copagos por elo propón unha modificación da táboa de aplicación explicando a proposta, para que o pagamento sexa máis equitativo e que as rendas que máis teñen máis paguen.
Polo grupo Popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande en relación coa intervención da Sra. García Pita considera que non estudou o asunto a pesar de ter tempo para elo, non se recortan os servizos sociais senón que hai un aumento do 1,74%; se está a facer unha adaptación dos tramos da libre concorrencia ao Decreto 99/2012, porque na dependencia xa están fixados pola Xunta de Galicia, se está atendendo a 16 usuarios en dependencia e 31 en libre concorrencia, non hai lista de espera en dependencia, hai 5 en espera de apoio doméstico porque non aceptan o horario, tamén se está complementando o centro de día; di tamén que ademais de estar exentos os de 0,80% do IPREM tamén están os de RISGA, PMC, ISMIS, etc.; en canto a modificación de tramos puideron ver como as pensións máis altas teñen maior grao de pagamento, o maior número de usuarios está nos primeiros tramos e a división que se fixo ten que ver con iso, na memoria se detalla a estimación de gastos e ingresos onde o déficit en libre concorrencia é case 60.000 euros, a taxa tamén está sen modificar dende 2009, estase a facer un esforzo importante neste servizo universal.  
A Sra. García Pita puntualiza que non é votante do PP polo tanto que non mintan nin enganen, o Concello non paga os servizos senón tódolos veciños cos seus impostos, e no relativo ao deficitario do servizo sería preocupante que en época de crise tivera superávit.
O Sr. Feal Pereira alude as contías que representan as porcentaxes dos primeiros tramos sobre o IPREM e que a maioría está no tramo 1,25-1,50 sobre 800 € mes; en canto ao déficit recorda que é o que custa cubrir as pistas de padelno que é un gasto innecesario, o servizo o pagan tódolos contribuíntes de Cabanas e insiste na súa proposta sobre modificación das contías dos tramos que considera máis axeitada.
A Sra. Pazos Bande non pon en dúbida que o Concello son tódolos veciños e veciñas, é obvio, pero o goberno municipal ten a responsabilidade de administrar ben e iso significa dar cobertura a tódolos usuarios e o concello non está por sacar beneficio do servizo; alude tamén aos tramos, hai 11 usuarios no do 1,50 % o de maior número que supón 48 € mes, insistindo que se está a facer un esforzo importante por blindar os servizos sociais do Concello.
O Sr.Alcalde indica que non van aceptar a proposta do concelleiro do PSdG-PSOE porque tivo tempo para facela antes do pleno e dialogar, ademais como explicou a portavoz  a suba tampouco é importante, estamos en tempos de crise pero tamén o Concello ten outras cousas que acometer. O Sr. Feal Pereira insiste en que non tiña todo a documentación.
Debatido o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con cinco votos a favor dos membros dos grupos popular, tres en contra do concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, da concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita, e do concelleiro D. Angel Pena Fontenla, e dúas abstencións dos membros do grupo AEC, acorda:
1.º.–Aprobar provisionalmente a modificación do tributo local: taxa polo servizo de axuda no fogar, así como da correspondente ordenanza fiscal reguladora.
2.º.–Someter a información pública o referido acordo e o texto da ordenanza reguladora polo prazo de trinta días a través de anuncio que se publicará no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello.
3.º.–No caso de que non se presentaren reclamacións no prazo anterior, o acordo adoptado entenderase definitivamente aprobado.

3.- RECLAMACIÓN TAXA UTILIZACIÓN INFRAESTRUTURAS MUNICIPAIS. Aprobado inicialmente polo pleno da Corporación en sesión realizada o 24 de xullo de 2012, a imposición da taxa por utilización de infraestruturas municipais para colocación de tuberías, fíos condutores, cables e outros elementos, en postes ou en galerías de servizo de titularidade municipal, someteuse a información pública polo prazo de trinta días, mediante publicación de anuncio no taboleiro de anuncios da Casa do Concello e no Boletín Oficial da Provincia nº 150 de data 8 de agosto de 2012, presentándose no devandito prazo unha reclamación por parte da mercantil R CABLE Y TELECOMUNICACIONES GALICIA S.A.
Despois de estudada reclamación presentada, o pleno da Corporación en votación ordinaria, por unanimidade, acorda:
1º. Estimar parcialmente a reclamación presentada en canto a redacción do artigo 7 da ordenanza reguladora, a cal queda da seguinte forma: “A base impoñible estará constituída polos metros liñeais ou fraccións de cable, tubería, fio ou elemento, que se instalen nas infraestruturas e da sección destas que se ocupen. As taxas por utilización das canalizacións municipais solo afectarán as infraestruturas de canalización propiedade do Concello ou as que teña en réxime de cesión por parte doutro organismo, empresa, ente ou fundación, quedando excluídas as derivacións particulares que se instalen sobre estas canalizacións existentes”. Rexeitar a reclamación presentada en todo o demais.
2º. Aprobar definitivamente a imposición do tributo local: taxa por utilización de infraestruturas municipais para colocación de tubaxes, fíos condutores, cables e outros elementos, en postes ou en galerías de servizo de titularidade municipal, así como a correspondente ordenanza fiscal reguladora.
3º. Proceder a publicación do texto íntegro da ordenanza aprobada no Boletín Oficial da Provincia.

4.- MODIFICACIÓN REGULAMENTO MUNICIPAL SERVIZO AXUDA NO FOGAR. Visto o expediente tramitado para aprobación da modificación do Regulamento do Servizo de Axuda no Fogar que consta de dezasete artigos, unha disposición adicional e unha disposición final, así como seis anexos de modelos a seguir, coa documentación que consta no devandito expediente.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfin Feal Pereira en relación co cómputo de tódalas persoas residentes na mesma unidade de convivencia, estean ou non inscritas no Padrón municipal de habitantes do Concello entende que pode dar lugar a unha arbitrariedade, deberían computarse as inscritas xa que por lei si unha persoa convive con alguén a partir de certo tempo ten que incluírse obrigatoriamente no Padrón, porque si logo se marcha a renda computable sería menor, se pode estar fomentando unha irregularidade.
O Sr.Alcalde indica que se está tratando de ser xustos coa xente empadroada, que doutro xeito resultaría prexudicada, estase a favorecer a xente que está empadroada no concello.
O Sr.Feal Pereira está de acordo pero considera que entón debería empadroarse de oficio, dende o partido socialista seguen pensando que se está fomentando unha irregularidade.
O Sr.Alcalde considera que o empadroamento de oficio e outro punto que se estudará cando se dean os casos, pero no regulamento debe recollerse así para non prexudicar a residentes no Concello.
A portavoz do grupo Popular Dª. Eva Mª. Pazos Bande considera que é un criterio do equipo técnico dos servizos sociais que coñece a realidade do Concello e dos usuarios do servizo, era unha situación que estaba a crear conflito entre os usuarios, por elo é importante recoller esta petición dos servizos sociais; tamén en relación cos tramos establecidos na ordenanza fiscal, a modificación da determinación da capacidade económica vai dar lugar dada a crise actual, a que algúns usuarios vexan reducida a súa achega ao sistema de libre concorrencia porque se reparte entre máis membros a capacidade económica.
Despois de examinado expediente e estudado o asunto, o pleno da Corporación en votación ordinaria, con sete votos a favor dos membros dos grupos Popular e AEC e tres abstencións do concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, da concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita, e do concelleiro D. Angel Pena Fontenla , acorda:
1.º.–Aprobar provisionalmente a modificación do regulamento municipal do servizo de axuda no fogar..
2.º.–Someter a información pública o referido acordo e o texto do regulamento polo prazo de trinta días a través de anuncio que se publicará no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello.
3.º.–No caso de que non se presentaren reclamacións no prazo anterior, o acordo adoptado entenderase definitivamente aprobado, segundo o establecido no artigo 49 da Lei 7/1985, de 2 de abril.

5.- MOCIÓN DO GRUPO MIXTO SOBRE RECORTES SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS. Vista a moción presentada polo concelleiro do PSdG-PSOE do grupo Mixto sobre recortes do Ministerio de Sanidade en Servizos Sociais e Igualdade, en cuxa exposición de motivos alude ao risco de exclusión social, aumento de desemprego de fogares sen ingresos ao que se engade a redución e esgotamento de axudas de protección social como prestacións por desemprego e rendas mínimas de reinserción; fai referencia a cifras de fogares con tódolos membros en paro, limiar de pobreza e a infancia, así como o agravamento da cohesión social. A pesar de todo o PP en lugar de dar unha resposta puxo en marcha unha política de recortes e axustes desmantelando os servizos públicos básicos agravando máis a situación, fala da minoración de fondos para menores con dificultades sociais, discapacitados, teleasistencia, plan concertado a desenvolver polas corporacións locais, en contra do establecido nos obxectivos das leis de servizos sociais, nos últimos días coñeceuse que o Goberno retira a súa achega para financiamento dos servizos sociais dos concellos.
Por todo o exposto, propón ao Pleno da Corporación a adopción dos seguintes acordos:
1. O Pleno da Corporación mostra o seu rexeitamento aos recortes realizados polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade para sufragar a rede de Servizos Sociais Comunitarios no orzamento de 2012 e no orzamento de 2013.
2. Instar o Goberno de España a manter e soster un sistema público de servizos sociais de nivel primario que permita atender a toda a cidadanía e dar resposta á esixencia da Constitución Española de garantir unha serie de dereitos sociais e, polo tanto, o exercicio da igualdade de oportunidades.
3. Esixir ao Goberno de España que repoña os fondos do Plan Concertado e do programa de Teleasistencia, como mínimo aos niveis de 2011, ademais dun compromiso financeiro estable para garantir a viabilidade dos servizos sociais básicos.
4. Dar traslado dos presentes acordos ao Presidente do Goberno, á Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, aos Presidentes das Comunidades  Autónomas, aos/as representantes dos axentes sociais e á Federación Española de Municipios e Provincias.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
Polo grupo Popular:  a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande considera certo a minoración das transferencias estatais as Comunidades Autónomas para o plan concertado nun 41% con respecto ao ano anterior, refírese a creación do plan concertado hai máis de 25 anos financiado polo Estado, as Comunidades Autónomas e os Concellos, pero a achega do Estado foise minorando, cita datos dos porcentaxes de participación e tamén fai referencia a que o anterior goberno socialista xa cuestionaba a viabilidade do plan concertado e había que redefinilo; en canto a Galicia estase traballando en que a minoración non repercuta nos usuarios e non baixou nin un céntimo ao plan concertado, incluso aumenta a dependencia, o partido socialista sacou a lei da dependencia pero non a dotou de recursos; non están de acordo co primeiro punto da moción porque se están a manter os orzamentos, poderían aceptar o punto dous e engadir outro punto: Instar a que tódalas administracións competentes nesta materia continúen amosando o seu compromiso e o seu apoio para traballar co obxectivo de que as políticas sociais asistenciais estean garantidas a pesar do contesto económico e financeiro actual.
A concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita considera que a portavoz popular está a facer demagoxia coa dependencia, doten vostedes a dependencia e reduzan outros conceptos.
D. Delfín Feal Pereira concelleiro do PSdG-PSOE no grupo Mixto,  considera que o plan concertado creado polo goberno socialista en 1988 para contribuír  ao desenvolvemento das prestacións básicas de servizos sociais, alude a redución de fondos para 2013 e a minoración con respecto a 2012 e 2011, ademais elimínanse dos orzamentos do Estado de 2013 axudas a programas como teleasistencia e outros, manteñen os puntos da moción como están e vostedes decidirán.
A Sra. Pazos Bande fai mención a que en 2007 cando o bipartito da Xunta, a Vicepresidencia da Igualdade e Benestar advertía que non ía dar máis cartos e das modificacións no financiamento autonómico, este ano a través do RDL 20/2012 reforma a lei da dependencia que senta as bases para garantir a sostibilidade e desenvolvemento de dita lei, a necesidade do control do déficit público fai necesario a adopción de medidas, fala das contías previstas para os distintos programas, indica que están a dar máis recursos cando os sacou o partido socialista, estanse dotando máis recursos que en épocas de bonanza.
O Sr.Alcalde manifesta que como non admiten o punto proposto polo grupo popular votarán en contra.
Debatido o asunto sométese a votación resultando cinco votos a favor dos membros do grupo AEC, do concelleiro do PSdG-PSOE do grupo mixto, da concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita, e do concelleiro D. Angel Pena Fontenla, e cinco en contra dos membros do grupo popular; visto que se produce empate repítese a votación obténdose o mesmo resultado, a vista do cal o Sr.Presidente co voto de calidade decide a favor do rexeitamento da devandita moción.

6.- MOCIÓN DO GRUPO POPULAR SOBRE ARBITRAXE PARTICIPACIÓNS PREFERENTES. A seguir dáse conta da moción presentada polo grupo Popular sobre arbitraxe de consumo e canxe de participación preferentes e obrigas subordinadas, na cal expoñen a súa comprensión e solidariedade coas persoas afectadas e o desexo de que recuperen os seus aforros, a Xunta de Galicia desde que xurde o problema tratou de buscar unha solución; lembran que o problema tampouco é exclusivo de Galicia senón que é unha práctica que se estendeu por toda España entre tódalas entidades bancarias.  A Xunta non ten competencias no eido do sistema financeiro, sen embargo é publico e notorio o esforzo para que a arbitraxe de Consumo fose unha realidade, na actualidade segue apostando por esta arbitraxe e máis de 11.000 familias xa recuperaron os seus aforros, polo que este grupo municipal entende que debe seguirse ese camiño, estiman que os tenedores de preferentes non poden sufrir quitas e de producirse sexan as menores posibles.
Por todo elo propoñen ao Pleno os seguintes acordos:
1º. Instar ao Banco de España, ao Ministerio de Economía, á Comisión Europea e ao FROB e NCG Banco a que continúen resolvendo, a través da Arbitraxe de Consumo, todas as reclamacións presentadas en relación á comercialización de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas por NCG Banco, ata a resolución definitiva de todas elas, en todos aqueles casos que cumpran con condicións similares ós xa resoltos, é dicir, todos aqueles casos cuxos perfiles foron tidos en conta ata o momento actual..
2º. Instar ao FROB, ao Banco de España, ao Ministerio de Economía e á Comisión Europea a que os tenedores de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas de NCG Banco non teñan que sufrir quitas, e de ter que soportar quitas, que sexa na menor contía posible e que os canxes poidan ser obxecto da súa realización líquida inmediata.
Na deliberación do asunto prodúcense as intervencións coas opinións que de forma sintetizada se recollen a continuación:
A concelleira Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita en canto a competencia da Xunta considera que calquera persoa ve que é unha cláusula abusiva e podía denunciarse por ilegal, cal é o problema?, que en Caixa Galicia estaban tódolos do seu partido e non lles interesa, de todos xeitos están de acordo coa moción sempre e cando quiten o da quita porque hai que ter un pouco de seriedade.
Polo grupo AEC: o portavoz D. Luis A. Fachal López en canto o de 11.000 familias parécelle que os datos son 288.000 familias involucradas, van a votar a favor pero non deben ser en tódolos casos semellantes senón en tódolos que teñan razón, tamén falan de posibles quitas, as quitas non porque é diñeiro da xente, ningunha quita, a partir de aí están de acordo e o pobo debe entender que os políticos estamos ao seu lado.
Polo grupo Mixto: o concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira sinala que segundo as informacións recibidas no día de onte o partido socialista e o partido popular e o goberno, chegaron a un acordo respecto a este tema; puntualiza que hai un ano o polo menos que o partido socialista reclama ao goberno do Sr.Rajoy que faga unha resolución xusta onde se respecte a totalidade do investimento cando o goberno falaba de que houbera quita,  que o arbitraxe sexa baixo control público e que se aporte a necesaria garantía, coa recuperación do 100% investido, se estipule quen foi estafado e quen non, que non haxa quita a única posible sexa a dos xuros, aparte disto se faga extensible a outras entidades, polo tanto na moción debía introducirse esta modificación no punto 1 e que a quita sexa solo no relativo a xuros.
Polo grupo Popular: a portavoz Dª. Eva Mª. Pazos Bande manifesta estar de acordo co da quita, porque aparte de presentar a moción pretendían falar disto, introducir no punto 2 que non teñan que sufrir quitas,  e no punto 1 podería ser en tódolos casos que corresponda.
O Sr. Alcalde fala de que os bancos con axuda pública é mais complicado, a Xunta desde o principio sempre creu que a arbitraxe era a vía máis rápida e resolutiva.
Despois de debatido o asunto sométese a votación coas modificacións propostas, o Pleno da Corporación co voto favorable de tódolos membros acorda aprobar a moción adoptando o seguinte acordo:
1º. Instar ao Banco de España, ao Ministerio de Economía, á Comisión Europea e ao FROB e NCG Banco a que continúen resolvendo, a través da Arbitraxe de Consumo, todas as reclamacións presentadas en relación á comercialización de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas por NCG Banco, ata a resolución definitiva de todas elas, en todos aqueles casos que correspondan, podendo facelo extensivo a outras entidades bancarias.
2º. Instar ao FROB, ao Banco de España, ao Ministerio de Economía e á Comisión Europea a que os tenedores de Participacións Preferentes e Obrigas Subordinadas de NCG Banco non teñan que sufrir quitas, e que os canxes poidan ser obxecto da súa realización líquida inmediata.

PARTE DE CONTROL ÓRGANOS DA CORPORACIÓN.
7.- INFORMES DA PRESIDENCIA.
a) Resolucións da Alcaldía. Dáse conta das resolucións ditadas desde a número 310 do 23-11-2012 ata a número 28 do 25-01-2013.
b) Modificación nº1 PXOM do concello da Capela. Igualmente infórmase a Corporación da comunicación do Concello da Capela sobre a Modificación nº 1 do PXOM achegando o corresponde anexo.
MOCIÓNS DE URXENCIA.
O concelleiro D. Angel Pena Fontenla presenta unha moción de urxencia relacionada coas enchentes a altura do río Baa, indica que se trata dunha moción veciñal asina por 76 veciños e a urxencia ven dada porque afecta ao tránsito dos veciños sendo urxente a redacción dun proxecto para solucionar o problema xa que non se pode pasar por alí.
O Sr.Alcalde entende que non hai urxencia porque el mesmo pasou por alí sen ningún problema, é coñecedor diso e houbo tempo de presentala sen urxencia.
Sometida a votación a ratificación da urxencia da moción, o pleno da Corporación con dous votos a favor dos concelleiros Dª. Mª. Teresa de Jesús García Pita e D. Angel Pena Fontenla, tres abstencións dos membros do grupo AEC e o concelleiro do PSdG-PSOE do grupo Mixto,  e cinco votos en contra dos membros do grupo Popular, acorda rexeita-la urxencia da moción.

8.- ROGOS E PREGUNTAS.
a) Preguntas orais.
a.1. Grupo AEC: Intervención do portavoz D. Luis A. Fachal López.
a.1.1.  Hai data para a presentación do PXOM de Cabanas ?.
Resposta Sr.Alcalde: inda non, estamos pendentes de que o equipo redactor presente toda a documentación para facer a presentación e antes diso temos que presentalo a tódolos concelleiros como se había quedado.
a.1.2.  Que lle parecen as críticas pola suba dos prezos de actividades de cultura?.
Resposta Sr.Alcalde: xa se rexeitaron as alegacións presentadas, a suba son setenta céntimos e creo que os que firmaron esa reclamación hoxe non o farían porque estaban enganados, van a concellos limítrofes e lles cobran máis, primeiro hai que ver as cousas e comprobar como son.
a.1.3. Rogo. Xa que se aprobou a ordenanza de condutas cívicas agradecería que o Concello adopte medidas para que cada vez que se fan actividades non aparezan panfletos nas farolas.
a.2. Grupo Mixto: Intervención do concelleiro do PSdG-PSOE D. Delfín Feal Pereira.
a.2.1 Quería preguntar si a Alcaldía ou o grupo de goberno tivo en consideración a aportación que fixo no debate do orzamento con respecto ao Pidio de buscar encaixe para que os veciños que perdan a vivenda a indemnización sexa proporcionar outra das mesmas características ?, hai algunha novidade ao respecto?.
Resposta Sr.Alcalde: cando se aprobou o orzamento no pleno anterior dixemos que nos íamos a poñer en contacto cos bancos para pedir o crédito e iso foi o que se fixo estando a espera da resposta, pediron documentación sobre o orzamento definitivo que maña se lle enviará; con respecto as vivendas a nosa proposta non é pública porque ten que estar aprobado o PXOM, como mínimo que estea a exposición pública, logo convocaremos unha reunión para falar deste tema porque temos unha proposta e por iso pediamos unha prórroga de cinco anos para cumprir a sentenza, cando estea a exposición pública o PXOM  vos explicaremos a proposta que propoñiamos ao tribunal que é algo encamiñado nese sentido pero ten que darnos 4 ou 5 anos para cumprir a sentenza.
a.2.2. Pode explicar a Alcaldía con que motivo e criterio se desmantelou o parque infantil de Porto ?, ten pensado repoñer o mobiliario dese parque infantil?, con que motivo se lle dona a Asociación Veciñal de San Martín e por que é a Asociación Veciñal quen o desmantela e non os operarios do Concello?.
Resposta Sr.Alcalde: creo que será coñecedor que ese parque non cumpre a normativa de homologación dos aparatos polo tanto estaba fora de uso, nin cumpre coa accesibilidade, polo tanto o Concello non pode manter eses riscos, hai que desmontalo e se desmontou; non sabe si se lle deu a Asociación, se desmontou por ese motivo e nada máis.
a.2.3. Rogo. Na zona de Peón en Laraxe colócase moitas veces un radar da Garda Civil de Tráfico, ten que controlar a velocidade pero sole usar unha situación non idónea que é montando na beirarrúa e cortando o acceso a unha vivenda que hai ao lado da capela de Laraxe, esta situación impide a circulación de peóns pola beirarrúa, tense dado o caso que xente que sae do xeriátrico ten que baixar  a estrada porque está alí o radar, por elo roga que dentro das posibilidades da Alcaldía se solucione este problema.
Resposta Sr.Alcalde: non existe problema en dirixir escrito á Xefatura de Tráfico para que non monte o radar na beirarrúa.
b) Preguntas por escrito.
b.1. Presentadas polos concelleiros Dª.Mª. Teresa de Jesus García Pita e D. Angel Pena Fontenla, en escrito de data 29 de xaneiro de 2013.
b.1.1. Cal é o xeito de proceder do concello no caso de denuncia para a retirada de animais abandonados?
Resposta Sr.Alcalde: en primeiro lugar pedirlle que como acaba de entrar de concelleiro veña a traballar en positivo e utilizar a política en sentido construtivo, sobre todo para aqueles servizos que fai xente que son voluntarios e que utilizan o seu tempo libre para dar servizo de voluntariado que non se ande mareando sobre este caso; os voluntarios de Protección Civil son voluntarios e pídolle que non maree a xente, cando queira que lle fagan un servizo chame pero non diga que si e logo que non, no caso de quen se refire vostede deste can, despois de telo oito días dándolle de comer non chame para que llo vaian a buscar.
O Sr.Pena Fontenla indica que non ten nin idea, el non chamou nin a policía nin Protección Civil.
O Sr.Alcalde indica que o mellor buscou a quen o fixera, e manifesta que este concello ten un acordo de colaboración cunha asociación para recollida de cans mentres non estea activo o servizo que vai poñer en funcionamento a Mancomunidade de Ferro, está inscrita no rexistro e chámase Terracan.
b.1.2. O parque da Torre, feito polo Concello de Cabanas, apareceu en data recentes sen os elementos de xogo que foran instalados. Pódenos explicar cal é a situación e a que se debe a ausencia dos xogos?
Resposta Sr.Alcalde: está contestada.
b.1.3. Cal é a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal? Hai informe da Xunta?.
Resposta Sr.Alcalde: está contestada, pendente de que entregue a documentación o equipo redactor.
b.1.4. Que convenios asinou no pasado 2012 coas entidades xestoras do cemiterios?.
Resposta Sr.Alcalde: os mesmos que se asinaron no 2011, cemiterio de Laraxe e cemiterio de Cabanas.
b.1.5. Cal é o estado do expediente de paralización das obras dos chaléts de Cardeita? Que pasos realizou a alcaldía?.
Resposta Sr.Alcalde: estase pendente de emitir resolución, haber que din os informes técnicos.
b.1.6. Rogo, Roga unha solución as enchentes do río do Carneiros, o río do Pereiro de Abaixo que demandan as firmas de 76 veciños porque non se pode pasar por alí a pé, que se faga un proxecto e se solucione o problema en 2013.
Resposta Sr.Alcalde: espera que se solucione antes, pero si non houbera os problemas que hai arriba no cambio no río, cando van  alí a romper pedras para que a auga veña toda para o Pereiro e chegue ao río dos Carneiros, si non fixeran iso non habería ese problema, vostede o sabe, esta semana pasada llo contaron varios veciños, por iso houbo unha moción aquí e quedou moi claro, vostedes foron alí e recolleron escrituras e documentación.
b.1.7. Rogo.  Rogamos o amaño da fochanca da clínica Covadonga que hai uns meses foi cuberta polo concello con gravilla e non durou nin dous días.
b.1.8. Rogo. Rogamos que se solicite da deputación a limpeza das cunetas da estrada de Laraxe a Porto así como darlle solución ao arrastre de gravilla que se produce na curva dos Anidos en días de chuvia e que se acumula na estrada provocando situacións de perigo para o tráfico rodado.
Resposta Sr.Alcalde: xa está solicitado.
b.1.8. Rogo. Rogamos a reposición do alumeado público na parada do autobús en Barcia.
Non habendo mais asuntos que tratar a Presidencia levanta a sesión sendo ás vinte horas e cincuenta minutos, da cal levanto a presente acta e como Secretario dou fe.
Vº e Prace,
 O Alcalde,                                                                                             O Secretario,