Anova cobre o 66% dos gastos das eleccións con préstamos e doazóns de simpatizantes

Nas eleccións do pasado 21-O, o orzamento de AGE foi de 450.000 euros ao que Anova contribuíu co 50% (225.000 euros)
Anova puido completar a parte que lle tocaba financiar da campaña electoral de Alternativa Galega de Esquerda coa achega de traballo desinteresado e de máis de 140.000 euros. Foi o caso de moitas persoas segundo se explica hoxe no Faro de Vigo: "Eu puxen o que puiden e outros puxeron o que puideron porque sabemos que unha campaña non pode facerse sen diñeiro", proclamou un colaborador da banda de Vigo. Os que non tiñan esa posibilidade, "porque na situación na que estamos o diñeiro non lle sobra a ninguén", achegaron o seu traballo.

Estes préstamos cidadás amortizaranse por unha banda coa subvención electoral que ascende a algo máis de 687.000 euros. A isto súmaselle as subvencións que reciben os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, AGE, como terceira forza con nove parlamentarios, recibirá anualmente da institución parlamentaria case 420.000 euros.

Así mesmo, o compromiso estatutario dos representantes electos de Anova é o seguinte:

"Combate contra a profesionalización da política institucional e rexeitamento da súa centralidade no espectro da loita política. Neste sentido, os nosos representantes institucionais han predicar co exemplo da súa conduta mediante o cumprimento dos seguintes tres puntos :

A) Cada cargo electo, antes de tomar posesión (acto no que o xuramento ou a promesa será sempre por imperativo legal, en coherencia cos principios constituíntes) asinará a súa propia renuncia e entregaralla ao seu órgano xeral (executivo, nacional,…), que a poderá facer efectiva en caso de que o electo contradiga ou actúe de xeito contrario aos principios estabelecidos.

B) Os nosos representantes institucionais, de recibiren un soldo polas súas funcións políticas, só cobrarán o salario medio, o do concello que for se é un posto municipal e o medio galego de se tratar de calquera outro. O excedente do que perciban hase destinar a calquera axente que contribúa ao benestar social do pobo galego e ao avance na liberación nacional: centros e comedores sociais, asociacións, equipas de normalización... e que en todo caso ha determinar a Coordinadora Nacional.

C) Renuncia pública e por escrito a todo privilexio do que puideren ser beneficiarios como representantes públicos unha vez que expirou o seu labor: pensións, complementos, beneficios fiscais, preferencias en servizos públicos..."