Comunicado da Coordinadora de Anova-IN

Anova valora como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido como di o seu programa na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.

Reunida hoxe en Santiago de Compostela a Coordinadora Nacional de ANOVA para avaliar o proceso electoral e os resultados das Eleccións Autonómicas do 21 de Outubro, acordou facer público o que segue:
1. Agradecer á cidadanía galega o seu apoio masivo, a ilusión e a confianza depositada na coalición Alternativa Galega de Esquerda, que se configura así como oposición xenuína ao desgoberno do PP.
2. Felicitar publicamente a Xosé Manuel Beiras polo seu magnífico labor de campaña desenvolvido e por saber representar e concitar co seu discurso os anceios de rebeldía dunha parte moi importante da cidadanía.
3. Facer mención expresa do labor realizado pola militancia de ANOVA e do conxunto de simpatizantes que colaboraron voluntariamente en levar a bo porto esta campaña, salientado a magnífica actividade dos mesmos nas redes sociais.
4. Valorar como excelentes o resultado electoral da nosa coalición malia que o descenso de máis de 500.000 votos das tres forzas presentes até agora no Parlamento Galego deu a maioría ao PP aparentando en escanos un avanzo que non tivo na sociedade.
5. Valorar como un grande acerto a decisión de ter feito un chamado a todas as forza nacionalistas e de esquerda para a conformación da unidade de acción para o Parlamento Galego, e que deu como resultado unha coalición con EU, Equo e Espazo Ecosocialista, e un Grupo Parlamentar comprometido como di o seu programa na "Liberación nacional e social de Galiza", en "avanzar no exercicio da autodeterminación ... reivindicando a nación dos galegos e galegas como suxeito único da soberanía nacional", que defenderá os intereses da maioría social e servirá de altofalante ás voces da rúa na cámara galega.
Noutra orde de cousas, acordouse tamén a posta en marcha do traballo de consolidación e organización de ANOVA acordado na súa asemblea constituínte do 14 de xullo, e adiado pola convocatoria electoral, que deberá estar rematado no mes de xaneiro e como estaba previsto desencovará nunha Asemblea Nacional da nova organización nacionalista de esquerda.
A Coordinadora Nacional acordou tamén neste encontro apoiar a folga xeral do vindeiro 14 de novembro.
Por último, ANOVA quere felicitar e solidarizarse co Fiscal xeral de Galicia o señor Varela polas súas declaracións nas que criticou os recortes sociais e denunciou a blindaxe dos mercados e a actitude dos gobernos que priorizan o "mundo dos negocios" fronte as persoas.
Galiza a 27 de outubro de 2012